galego: Regular Print

Updated ? hours ago # views See on WACS
Gálatas
Gálatas
Capítulo 1

1 Paulo, apóstolo, non de homes nen pola man dos homes senón por medio de Xesús Cristo e Deus o Pai, quen o resucitou dos mortos, 2 e todos os irmáns que están comigo, ás igrexas de Galacia: 3 a graza e a paz de Deus noso Pai e Señor Xesús Cristo sexa con vós, 4 Quen se deu a si mesmo polos nosos pecados, segundo a vontade do noso Deus e Pai para poder librarnos destes malos tempos nos que vivimos, 5 a El sexa a gloria por sempre. Amén. 6 Abráiame que abandonarades tan pronto ao que vos chamou pola graza, para seguir un evanxeo diferente. 7 Isto non quere dicir que hai outro evanxeo, senón que hai algúns que vos andan a quentar a cabeza e queren revirar o evanxeo de Cristo. 8 Pero se mesmo nós, ou un anxo do ceo, vos anunciase un evanxeo contrario ao que vos temos anunciado, sexa maldito. 9 Como dixemos antes, e tamén repito agora: se algún vos anuncia un evanxeo contrario ao que recibistes, sexa maldito. 10 Porque, busco quedar ben coas persoas ou con Deus? Ou fago o esforzo de agradar ás persoas? Se estivese tratando de compracer ás persoas, non sería servo de Cristo. 11 Porque quero que saibades, irmáns, que o evanxeo que anunciei non é evanxeo humano. 12 Xa que eu non o recibín de persoa algunha, nen mo ensinaron. Pola contra, foime revelado por Xesús Cristo. 13 Porque vós escoitastes da miña antiga maneira de vivir no xudaísmo, como dera en perseguir á igrexa de Deus sen misericordia, tratando de destruíla, 14 e, como eu avantaxaba a moitos dos meus contemporáneos e do meu propio pobo, amosando moito máis celo polas tradicións dos meus devanceiros. 15 Pero cando Deus, que me escolleu dende o seo da miña nai e me chamou pola súa graza, 16 tivo a ben revelar o seu Fillo en min para que anunciase as boas novas aos xentís, non pedín consello de seguida á ningunha persoa, 17 nen subín a Xerusalén onda os apóstolos que me precederon, senón que fun a Arabia, e despois volvín a Damasco. 18 Despois de tres anos, subín a Xerusalén para coñecer a Pedro, e quedei con el quince días. 19 Pero non vin a ningún máis dos apóstolos, agás a Xacobe, o irmán do Señor. 20 (Asegúrovos diante de Deus que non minto no que vos escribo). 21 Despois fun ás rexións de Siria e Cilicia. 22 Mais aínda non me coñecían en persoa nas igrexas de Xudea que están en Cristo, 23 senón que só escoitaran dicir: o que noutro tempo nos perseguía, agora predica a fe que nun tempo quería destruír. 24 E por esta razón glorificaban a Deus.
Capítulo 2

1 Entón, logo de catorce anos viaxei de novo a Xerusalén con Bernabé, levando a Tito canda nós. 2 Subín por mor dunha revelación e, faleilles o evanxeo que predico aos xentís. De xeito persoal ía falando con aqueles de renome, para ter a seguridade de que non corría, nen correra por nada. 3 E nen aínda Tito, que estaba comigo, foi obrigado a cincuncidarse, sendo grego. 4 Isto foi a pesar duns falsos irmáns que se infiltraron para espiar a nosa liberdade en Cristo Xesús, coa intención de facernos escravos. 5 Mais en ningún momento lles prestamos as orellas, para que a verdade do evanxeo quedara con vós. 6 E aqueles que gozaban de ser alguén con sona ( o que eran non me cómpre a min sabelo: Deus non ten favoritos ), eses non me ensinaron nada. 7 Pola contra, ao veren que o meu chamado estaba dirixido aos incircuncisos, así como Pedro aos da circuncisión (...) , 8 ( porque o mesmo que lle confiou o apostolado a Pedro para os circuncidados do mesmo xeito fixo para comigo no meu apostolado aos xentís ). 9 E cando Xacobe, Pedro e Xoán recoñeceron a graza que Deus me concedeu, estes que eran coñecidos como os que sentaran as bases da igrexa, estreitaron a man dereita de Bernabé e a miña como compañeiros, para que nós fósemos aos xentís, e eles aos circuncidados. 10 Só nos pediron que non esquezaramos aos pobres, cousa que procurei facer dilixentemente. 11 Pero cando Pedro veu de Antioquía, pranteille cara porque non estaba actuando da forma axeitada. 12 Porque el xuntábase a comer con xentís antes de chegaren uns poucos de parte de Xacobe. E cando estes chegaron, arredábase dos xentís por medo dos da circuncisión. 13 E os demais xudeus foron partícipes desta hipocresía, tanto que o mesmo Bernabé deixouse enredar na hipocresía deles. 14 Pero cando vin que non se estaban conducindo conforme á verdade do evanxeo, díxenlle a Pedro diante de todos: "se ti, sendo xudeu, vives coma os xentís e non coma os xudeus, por que queres xudaizar aos xentís?" 15 Nós somos xudeus de berce e non pecadores entre os xentís. 16 Pero con todo, sabendo que as persoas non son declaradas xustas polas obras da lei senón pola fe en Cristo Xesús, nós tamén cremos en Cristo Xesús, para ser xustificados pola fe, e non polas obras da lei; pois por esas obras ninguén poderá ser xustificado. 17 Pero se pretendendo ser xustificados en Cristo, tamén resultamos ser pecadores, será que Cristo é un servidor do pecado? Diso nada! 18 Porque se eu reconstrúo o que botei abaixo noutrora, eu mesmo son o culpable. 19 Pois por medio da lei, eu morrín á lei, e a miña meta é vivir para Deus. 20 Xuntamente con Cristo fun crucificado, e xa non vivo eu, agora é Cristo que vive en min, e esta vida mortal, vívoa pola fe no Fillo de Deus, que me amou e se entregou a si mesmo por min. 21 Non anulo a graza de Deus, porque se a xustiza vén pola lei, logo Cristo para nada morreu.


Capítulo 3

1 Gálatas insensatos! Quen vos enfeitizou? Aos vosos ollos, Xesús Cristo foi presentado claramente como crucificado. 2 Isto é o que quero saber de vós, foivos dado o Espírito pola lei ou por crer no que escoitastes ? 3 Sodes tan parvos, que unha vez que empezastes polo Espírito, ides mellorar pola carne? 4 Sufristes tanto por nada? Se é que foi por nada! 5 Aquel que vos dá o Espírito e fai milagres entre vós, fainos polas obras da lei ou por escoitar con fe? 6 Abraham creu en Deus e por iso el considerouno como xusto; 7 así mesmo os que recibiron esta fe son fillos de Abraham. 8 E a escritura prevendo que pola fe, Deus declara xustos aos xentís, proclamou as boas novas a Abraham: "en ti serán benditas tódalas nacións". 9 Os que son da fe participan desta bendición xunto con Abraham, o home de fe. 10 Porque todos os que confían nas obras da lei, atópanse baixo a maldición: "é maldito todo o que non cumpre todas as cousas escritas no libro da lei, para facelas todas". 11 Agora está claro que ninguén pode ser xustificado pola lei diante de Deus porque: "O que é xusto pola fe, vivirá". 12 Pero a lei non é de fe, senón ao contrario: a persoa que fai as obras da lei terá que cumprilas todas para vivir." 13 Cristo rescatounos de ser malditos pola lei facéndose maldito por nós, como está escrito: "Maldito todo o que está pendurado sobre un madeiro", 14 para que así en Cristo Xesús, chegase aos xentís a bendición de Abraham, e para que nós recibísemos a promesa do Espirito por medio da fe. 15 Irmáns, permitídeme falarvos en termos humanos: cando se fai un trato entre persoas, ninguén pode engadir ou invalidar as condicións unha vez que é ratificado. 16 Entón, a promesa foi feita a Abraham e á súa descendencia, non di descendencias semellando moitas, senón só unha; sendo a descendencia Cristo mesmo. 17 O que quero dicir é que sendo que a lei chegou catrocentos trinta anos máis tarde, non invalida o pacto confirmado por Deus como para anular a promesa. 18 Porque se a herdanza vén pola lei entón xa non vén pola promesa. Pero Deus concedeulla xenerosamente a Abraham por medio da promesa. 19 Para que foi dada a lei? Foi engadida por mor das infracións, ata que viñera a descendencia prometida, e que foi pregoada por anxos da man dun mediador, 20 e o mediador non é só dun, pero Deus é un só. 21 Daquela a lei é contraria ás promesas? De ningún xeito. Se por unha lei puidésemos recibir a vida, a xustiza tería chegado a nós pola lei. 22 Mais a escritura pechou todo baixo pecado, para que a promesa que é pola fe en Xesús Cristo fose dada a todos os que cren. 23 Agora, antes de que chegara a fe, estabamos presos sometidos á lei, confinados ata que a fe fose revelada. 24 A lei convertiuse no noso titor ata que veu Cristo, para que puidésemos ser xustificados pola fe. 25 Pero agora que veu a fe, xa non estamos baixo titoría. 26 Porque todos somos fillos de Deus por medio da fe en Cristo Xesús. 27 Porque todos os que fostes bautizados en Cristo, sodes revestidos de Cristo. 28 Non hai xudeus nen gregos, non hai escravos nen libres, non hai home nen muller, porque todos somos un en Cristo Xesús. 29 E se sodes de Cristo, sodes descendentes de Abraham e herdeiros segundo a promesa.
Capítulo 4

1 Estou dicindo que o herdeiro, namentres é un neno, non é diferente do escravo, aínda que sexa dono da súa propiedade, 2 senón que está baixo a tutela de administradores e titores ata que se cumpra a tutela establecida polo seu pai. 3 Así tamén, nós, cando eramos nenos estabamos escravizados polos principios elementais do mundo. 4 Pero cando se cumpriu o tempo, Deus enviou o seu Fillo nado dunha muller baixo a lei, 5 para para redimir a aqueles que están baixo a lei para que puidésemos ser adoptados como fillos. 6 E porque vós sodes fillos, Deus enviou o Espírito do seu Fillo aos nosos corazóns, que clama: "Meu Pai". 7 Así que xa non es un escravo, senón un fillo, e se es un fillo, tamén es un herdeiro por medio de Deus. 8 Daquela, cando non coñeciades a Deus, erades servos daqueles deuses que pola súa natureza non o son realmente. 9 Pero agora que coñecestes a Deus, ou mellor dito, que sodes coñecidos por Deus, como é posible que volvedes a principios febles, inútiles e elementais? Queredes ser escravos de novo? 10 Andades a gardar os días especiais, as lúas novas, as estacións e os anos. 11 Temo que o meu traballo por vós fose en van. 12 Rógovos, irmáns, que vos fagades coma min, xa que eu me fixen coma vós. Tratástesme ben. 13 Sabedes que cando eu vos anunciei o evanxeo a primeira vez estaba doente. 14 Vós non me rexeitastes por isto, pola contra, recibístesme como un mensaxeiro de Deus, como a Cristo Xesús mesmo. 15 Onde está agora o sentir de bendición que tivestes? Porque teño por certo que, se vos fose posible, sacaríadesvos os ollos e mos dariades a min. 16 Volvinme agora o voso inimigo por dicirvos a verdade? 17 Eles poñen empeño en convencervos para que vos unades a eles pero non para ben. Queren que vos separedes de min para que os prefirades a eles. 18 É bo ter paixón polas cousas boas sempre, e non só cando estou presente con vós. 19 Meus filliños, outra vez estou sufrindo dores de parto por vós ata que Xesús Cristo sexa formado en vós. 20 Gustaríame estar agora aí presente e mudar o meu ton, porque me tendes abraiado. 21 Dicídeme, os que desexades sometervos á lei, non escoitades o que a lei di? 22 Porque está escrito que Abraham tivo dous fillos, un da serva e outro da muller libre. 23 Pero o fillo da serva naceu segundo os desexos da carne, e o fillo da libre en cumprimento da promesa. 24 Isto pode ser interpretado como unha alegoría xa que estas dúas mulleres representan dous pactos. Un procede do Monte Sinai e deu a luz a fillos para ser escravos; Este é Agar. 25 Agora ben, Agar representa o Monte Sinai que está en Arabia e ela representa o actual Xerusalén, pois vive na escravitude cos seus fillos. 26 Pero a Xerusalén de arriba é libre, e ela é a nosa nai. 27 Porque está escrito: "alégrate ti, estéril, a que non das a luz. Clama e berra de ledicia ti que non estás a sufrir dores de parto. Porque os fillos da abandonada son máis numerosos cos da que ten marido." 28 Vós, irmáns, como Isaac, sodes fillos da promesa. 29 Naquel tempo aconteceu o mesmo que agora: o que naceu segundo os desexos da carne perseguiu ao que naceu segundo o Espírito. 30 Pero que di a Escritura? "Bota fóra á escrava e ao seu fillo; porque o fillo da escrava non partirá a herdanza co fillo da libre". 31 Polo tanto, irmáns, non somos fillos da escrava, senón da libre.
Capítulo 5

1 Cristo fíxonos libres para sermos libres. Por iso, non vos poñades un xugo de escravitude como o que tiñades; estade firmes. 2 Ollade para min, eu, Paulo, asegúrovos que se vos ciruncidades, Cristo non vos serve de nada. 3 Eu dou testemuño a tódalas persoas, de que se vos deixades circuncidar, estades obrigados a cumprir a lei. 4 Os que procurades ser xustos pola lei estades afastados de Cristo; caestes da graza! 5 Porque, a través do Espírito, pola fe, agardamos a esperanza segura da xustiza. 6 En Cristo Xesús nada vale circuncidarse ou non, senón só a fe traballando mediante o amor. 7 Iades correndo ben. Que vos impediu obedecer á verdade? 8 Esta certeza non vén de quen vos chama. 9 Un chisco de fermento leveda toda a masa. 10 Confío no Señor que vos garde para non crer noutra cousa que non sexa a verdadeira boa nova. Calquera que sexa que vos estea amolando terá o seu castigo. 11 Irmáns, se eu aínda proclamo a circuncisión, por que sigo a ser perseguido?. Nese caso a pedra da cruz, que era de tropezo, deixaría de selo. 12 En canto aos que vos están amolando, que bo sería que eles mesmos se mutilaran! 13 Porque a vós, irmáns, chamóusevos á liberdade. Non a usedes para que a natureza pecaminosa campe, mais servídevos en amor os uns aos outros. 14 porque toda a lei está cumprida nunha palabra: amarás o teu próximo como a ti mesmo. 15 Pero se vos mordedes e comedes uns aos outros, tende conta de non vos consumir entre vós. 16 Pero eu digo: camiñade no Espírito e afastádevos do querer natural do pecado. 17 Porque este querer está defronte do Espírito, e os desexos do Espírito están enfronte aos do querer natural do pecado. Pois estes loitan entre eles, por tanto non sodes quen de facer as cousas que queredes. 18 Agora ben, se vos guía o Espírito, non estades suxeitos á lei. 19 Os feitos da natureza de pecado son moi claros: fornicación, impureza e lascivia. 20 Idolatría, meigallos, enemizades, liortas, ciumes, iras, pelexas, divisións, sectarismos, 21 envexas, borracheiras, orxías e cousas semellantes. Chamo a vosa atención de que os que están afeitos a estas cousas non herdarán o reino de Deus. 22 Pero o froito do Espíritu é amor, gozo, paz, paciencia, amabilidade, bondade, fe, 23 mansedume e dominio propio. Contra estas cousas non hai lei. 24 Pois aqueles que pertencen a Cristo Xesús crucificaron os desexos da natureza humana coas súas paixóns e desexos. 25 Se nós vivimos polo Espírito, camiñemos tamén no Espírito. 26 Non sexamos fachendosos, provocándonos uns aos outros, envexándonos uns aos outros.
Capítulo 6

1 Irmáns, se algún de vós é descuberto facendo o que non debe, vós que sodes espirituais restaurádeo con dozura. Coidándote de non acabar caendo ti no mesmo. 2 Levade uns as cargas dos outros e así cumpriredes a lei de Cristo.. 3 Porque se alguén cre ser máis do que é, a si mesmo se engana. 4 Cada un que reflexione sobre as súas propias obras, e daquela terá motivo de estar satisfeito de si mesmo sen mirar aos outros. 5 Porque cada un levará cadansúa carga. 6 A quen se lle ensine sobre a palabra, que comparta toda cousa boa con quen lle ensina. 7 Non vos levedes a engano. De Deus non vos podedes burlar, aquilo que sementedes, iso mesmo recolleredes. 8 Porque o que sementa para a súa propia carne, segará destrución. E o que sementa para o Espírito, do Espírito colleitará vida eterna. 9 Non nos fartemos de facer o ben, porque ao seu debido tempo segaremos, se non desfalecemos. 10 Porén, non perdamos a oportunidade de facer ben a todos, especialmente aos da familia da fe. 11 Ollade as grandes letras que vos escribo da miña man. 12 Todos os que queren quedar ben na carne, fórzanvos a que vos circuncidedes co fin de non ser perseguidos pola causa da cruz de Cristo. 13 Porque nen aínda eles cumpren a lei, pero queren gabarse da vosa propia circuncisión. 14 Pero que non veña eu gabarme en cousa algunha agás na cruz de Cristo, pola que o mundo foi crucificado para min e eu para o mundo. 15 Porque de pouco vale circuncidarse ou non, senón ser unha nova creación. 16 E os que vivan segundo esta norma, graza e paz a eles e ao Israel de Deus. 17 De aquí en diante que ningén me veña amolar con estos asuntos, pois levo no meu corpo as marcas de Xesús. 18 Irmáns, que a graza do noso Señor Xesús Cristo sexa co voso espírito. Amén.