galego: Regular Print

Updated ? hours ago # views See on WACS
Carta aos Hebreos
Carta aos Hebreos
Capítulo 1

1 Deus, en tempos pasados, en moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando aos pais polos profetas, 2 e nestes últimos días, falounos polo seu Fillo, a quen constutuíu herdeiro de tódalas cousas, por medio de quen tamén fixo o universo; 3 El é o resplandor da súa gloria e a imaxe exacta do seu ser, e sostén tódalas cousas pola palabra do seu poder. Despois de levar a cabo a purificación dos pecados, sentouse á dereita da Maxestade de Deus nas alturas, 4 feito moito máis superior que os anxos, xa que herdou un nome máis excelente que o deles. 5 Porque a cal dos anxos dixo Deus algunha vez: "es o meu fillo, eu enxendreite hoxe", e outra vez: "eu serei seu Pai, e El será meu Fillo?" 6 E outra vez, cando trae ao Primoxénito ao mundo, di: adóreno tódolos anxos de Deus. 7 E dos anxos di: "o que fai aos seus anxos, espíritos, e aos seus ministros, lapas de lume." 8 Mais do Fillo di: "o teu trono, oh Deus, é polos séculos, e o cetro da rectitude é o cetro do teu reino. 9 Amaches a xustiza e aborreciches a iniquidade; polo que Deus, o teu Deus, unxiute co óleo da alegría máis que aos teus compañeiros." 10 E: "ti, Señor, no principio cimentaches a terra, e os ceos son feitura das túas mans; 11 eles pasarán, mais ti permaneces; e todos eles envellecerán como roupa, 12 e os enrolarás como se fose un manto; e cambiarán coma se fose roupa. Mais ti es o mesmo e os teus anos non terán fin". 13 Pois, a cal dos anxos dixo algunha vez: "senta á miña dereita ata que poña aos teus inimigos por estrado para os teus pés?" 14 Non son eles espíritos ministradores, enviados para servir aos que herdarán a salvación?
Capítulo 2

1 Por iso, temos que poñer máis atención ao que escoitamos, non sexa que nos desviemos. 2 Pois se a palabra declarada por medio dos anxos resultou ser firme, e toda a transgresión e desobediencia recibiu xusto castigo, 3 como fuxiremos nós se descoidamos unha salvación tan grande? A que, despois de ter sido anunciada polo Señor, foinos confirmada polos que o ouviron, 4 testificando Deus con eles, tanto por sinais como por prodixios, e por diversos milagres e dons repartidos polo Espírito Santo segundo a súa propia vontade. 5 Porque non someteu aos anxos este mundo que está por vir do que estamos a falar. 6 Mais un testemuñou nalgures: "que é o home para que te lembres del, ou o fillo do home para que o teñas en conta? 7 Fixéchelo un chisco menor aos anxos; coroáchelo de gloria e honor, e puxéchelo sobre as obras das túas mans; 8 sometíchelo todo baixo os seus pés". Porque ao estarlle todo sometido, non deixou sen lle someter. Mais agora non vemos tódalas cousas que lle están a ser sometidas. 9 Con todo vemos a Aquel que é pouco menor aos anxos, é dicir, a Xesús, coroado de gloria e honor polo padecemento da morte, para que pola graza de Deus gostara a morte por todos. 10 Porque conviña que Aquel, por quen son tódalas cousas, e por medio do que subsisten tódalas cousas, sendo quen de levar moitos fillos á gloria, perfeccionara por medio do padecemento ao autor da salvación deles. 11 Porque tanto o que santifica como os santificados, son todos dun; polo que El non se avergoña de chamalos irmáns, 12 dicindo: "anunciarei o teu nome aos meus irmáns, no medio da congregación heiche louvar con cantos". 13 E outra vez máis: "Eu confiarei nel". E outra vez: "velaí, eu e máis os fillos que Deus me deu". 14 Por iso , como os fillos participan de carne e sangue, El tamén participou disto mediante a morte para anular o poder daquel que tiña a morte, é dicir, o diaño; 15 e liberar a todos aqueles que por temor á morte están suxeitos a escravitude para toda a vida. 16 Porque de certo non vén axudar aos anxos, senón que vén na axuda da descendencia de Abraham. 17 Por iso tiña que asemellarse aos seus irmáns en todo, a fin de que chegase a ser un sumo sacerdote misericordioso e fiel nas cousas de Deus, para facer expiación polos pecados do pobo. 18 Xa que El mesmo padeceu sendo tentado no sufrimento, é poderoso para socorrer aos que son tentados.
Capítulo 3

1 Por tanto, santos irmáns, participantes do chamado celestial, considerade a Xesús, como o Apóstolo e Sumo Sacerdote da nosa fe. 2 Quen foi fiel ao que o chamou, como tamén o foi Moisés en toda a casa de Deus. 3 Porque El foi considerado digno de máis gloria ca Moisés, así como o construtor da casa ten máis honra que a casa mesma. 4 Porque toda casa ten un construtor, mais o que fai todas as cousas é Deus. 5 E Moisés foi fiel na casa de Deus como servo, para testemuña do que se diría máis tarde; 6 mais Cristo é Fillo fiel sobre a casa de Deus: casa del somos nós se nos aferramos á confianza e nos gloriamos na esperanza. 7 Polo que, como di o Espírito Santo: "se ouvides hoxe a súa voz, 8 non endurezades os vosos corazóns, como na rebelión, como no día da proba do deserto, 9 onde os vosos pais me tentaron ao pórme a proba, aínda que xa viran as miñas obras durante corenta anos, 10 por iso, desgusteime con aquela xeración, e dixen: "sempre se desvían no seu corazón, e non recoñeceron os meus camiños"; 11 como xurei na miña ira: "non entrarán no meu sosego." 12 Tende coidado, irmáns, non sexa que algún de vós teña un corazón malo e incrédulo, para apartarse do Deus vivo. 13 Mais ben, alentádevos uns aos outros cada día, mentres se poida dicir: "hoxe"; non sexa que algún de vós se deixe endurecer polo engano do pecado. 14 Porque viñemos ser partícipes de Cristo, se é que mantemos firme ata o final a convicción, 15 xa que se nos di: "se ouvides hoxe a súa voz, non endurezades o voso corazón, como na rebelión." 16 Porque, quen foron os que se rebelaron cando ouviron? Acaso non foron todos os que saíron de Exipto guiados por Moisés? 17 E con quen se desgustou por corenta anos, non foi cos que pecaron, aqueles que caeron mortos no deserto? 18 E a quen xurou que non entrarían no seu sosego porque foron desobedientes? 19 Entón, vemos que non puideron entrar pola súa incredulidade.
Capítulo 4

1 Polo tanto, teñamos temor, non sexa que aínda que permanecendo na promesa de entrar no seu sosego, algún de vós pareza non te-lo acadado. 2 Porque a nós anuncióusenos a boa nova, así como tamén a eles; mais a palabra que eles ouviron non lles foi de proveito por non ir acompañada pola fe dos que a ouviron. 3 Pero os que crimos, entramos nese sosego, tal como El dixo: "como xurei na miña ira: non entrarán no meu sosego", aínda que as súas obras estaban rematadas dende a fundación do mundo. 4 Porque así dixo nalgures no que respecta ao sétimo día: e Deus descansou no sétimo día de tódalas súas obras; 5 e outra vez nesta pasaxe: "non entrarán no meu sosego". 6 Polo tanto, xa que aínda falta que algúns entren nel, e aqueles aos que se lles anunciou antes a boa nova e non entraron por mor da súa desobediencia, 7 Deus determina de novo un día: "hoxe". Dicindo despois de moito tempo, por medio de David, como se tiña dito denantes: "se ouvides hoxe a súa voz, non endurezades o voso corazón." 8 Porque se Xosué lles tivera dado sosego, Deus non tería falado doutro día despois deste. 9 Polo tanto, queda un sosego sagrado para o pobo de Deus. 10 Xa que o que entrou no seu sosego, el mesmo descansou das súas obras, como Deus descansou das súas. 11 Polo tanto, esforcémonos por entrar no sosego, non sexa que ninguén caia no mesmo exemplo de desobediencia. 12 Porque a palabra de Deus é viva e eficaz, e máis cortante que calquera espada de dobre fío que penetra ata a división da alma e do espírito, das articulacións e da medula, e é poderosa para discernir os pensamentos e as intencións do corazón. 13 E diante da súa presenza non hai cousa creada que se lle esconda, senón que tódalas cousas están ao descuberto e espidas ante os ollos daquel a quen temos que dar contas. 14 Pois tendo un gran Sumo Sacerdote que trascendeu os ceos, Xesús, o Fillo de Deus, manteñámonos na nosa fe. 15 Porque non temos un Sumo Sacerdote que non poida compadecerse das nosas debilidades, senón un que foi tentado en todo coma nós, mais sen pecado. 16 Polo tanto, acheguémonos ao trono da graza con confianza para recibirmos misecicordia e acadar graza para a axuda oportuna.
Capítulo 5

1 Pois todo sumo sacerdote elixido entre as persoas, constitúese en favor da xente en canto ás cousas de Deus, para presentar ofrendas e sacrificios polos pecados; 2 e pode tratar con benignidade aos ignorantes e descamiñados, xa que el mesmo esá suxeito a fraquezas; 3 e por iso está obrigado a ofrecer sacrificio polos pecados, tanto por el mesmo como polo pobo. 4 E ninguén toma este honor para si mesmo, senón que o recibe cando Deus o chama, como foi Aarón. 5 Do mesmo xeito, Cristo non se glorificou a si mesmo para facerse Sumo Sacerdote, senón que o que o glorificou, dixo: "Ti es o meu Fillo, Eu xereite hoxe." 6 Como tamén di noutra pasaxe: "Ti es Sacerdote para sempre segundo a orde de Melquisedec." 7 El, nos días da súa carne, suplicando e orando con grande clamor e bágoas ao que podía rescatalo da morte, foi escoitado por mor do seu sometemento; 8 e, aínda que era Fillo, aprendeu obediencia polo que sufriu; 9 e, tendo sido perfecionado, veu ser Autor da salvación eterna para todos os que lle obedecen, 10 proclamado por Deus como Sumo Sacerdote da orde de Melquisedec. 11 Sobre isto, temos moito que dicir, mais é difícil de explicar, xa que sodes lentos para ouvir. 12 Porque polo tempo que levades xa deberiades ser mestres, pero aínda precisades que alguén vos ensine de novo os principios elementais dos propósitos de Deus, chegades a ser coma os que necesitan leite e non alimento sólido. 13 Porque todo o que toma leite, non está afeito á palabra de xustiza, porque é neno. 14 Pois o alimento sólido é para os maduros, os que pola práctica teñen os sentidos exercitados para discernir o bo do malo.
Capítulo 6

1 Polo tanto, deixando as ensinanzas fundamentais de Cristo, avancemos cara a perfeción, sen volvermos botar outra vez o fundamento do arrepentimento das obras mortas e da fe en Deus, 2 do ensino sobre os lavamentos, da imposición de mans, da resurección dos mortos e do xuízo eterno. 3 Se Deus o permite, isto faremos. 4 Porque é imposible que os que unha vez foron iluminados e probaron o don celestial, chegando a ser partícipes do Espírito Santo, 5 e probaron a boa palabra de Deus e os poderes do tempo vindeiro, 6 mais despois caeron, sexan outra vez renovados para arrepentimento, crucificando de novo ao Fillo de Deus para si mesmos expoñéndoo ao escarnio público. 7 Porque a terra que bebe a choiva que a cotío cae sobre ela e produce vexetación útil para os que a traballan, recibe a bendición de Deus; 8 mais a que produce espiños e cardos non vale para nada, está a piques de ser maldicida, e a súa fin é ser queimada. 9 Mais vós, amados, aínda que falemos deste xeito, fomos convencidos de cousas que son mellores e que teñen salvación. 10 Porque Deus non é inxusto para esquecer a vosa obra e o amor que amosastes polo seu nome, tendo servido, e aínda servindo, aos santos. 11 Mais desexamos que cada un de vós amose o mesmo ardor ata a fin, para acadar a total seguridade da esperanza, 12 para que non sexades lacazáns, senón imitadores dos que herdan as promesas pola fe e a paciencia. 13 Xa que cando Deus fixo a promesa a Abraham, non puidendo xurar por un maior, xurou por si, 14 dicindo:"abofé bendecireite, e de certo heite multiplicar." 15 Porén, agardando con paciencia, Abraham acadou a promesa. 16 Porque a xente xura por un maior ca si, e para ela un xuramento dado como confirmación é a fin de todo litixio. 17 Por iso querendo Deus amosar ás claras aos herdeiros da promesa o inmutable que era o seu propósito, comprometeuse con xuramento, 18 a fin de que por dúas cousas inmutables, nas que é imposible que Deus minta, os que buscamos refuxio sexamos grandemente animados para suxeitarnos da esperanza posta diante de nós. 19 A que temos como áncora da alma, unha esperanza segura e firme, e que penetra ata detrás do veo, 20 onde Xesús entrou como precursor por nós, feito Sumo Sacerdote por sempre segundo a orde de Melquisedec.
Capítulo 7

1 Porque este Melquisedec, rei de Salem, sacerdote do Deus Altísimo, ( quen atopando a Abraham cando viña de volta da derrota dos reis, e bendicíndoo, 2 a quen tamén Abraham lle deu a décima parte de tódalas cousas ), primeiro quere dicir Rei de Xustiza, e logo, Rei de Salem, é dicir, Rei de Paz; 3 sen pai, sen nai, sen xenealoxía; non tendo principio de días nen fin de vida, sendo feito semellante ao Fillo de Deus, permanece sacerdote para sempre. 4 Considerade, entón, a grandeza deste a quen Abraham o patriarca lle deu a décima parte do mellor do botín. 5 E en verdade os dos fillos de Leví teñen mandamento na lei de recoller a décima parte do pobo, é dicir, dos seus irmáns, aínda que sexan descendentes de Abraham, pois reciben o oficio de sacerdote. 6 Pero o que non descendía deles, recibiu a décima parte de Abraham e bendixo ao que tiña as promesas. 7 Queda fóra de toda discusión, o menor é bendito polo maior. 8 E, certamente, aquí reciben a décima parte persoas mortais, pero alí un que dá testemuño de que vive. 9 E, por así dicilo, aínda Leví por medio de Abraham, deu a décima parte ao recibila del; 10 porque aínda estaba nos lomos do seu pai cando Melquisedec lle saíu ao encontro. 11 Agora ben, se a perfección fora por medio do sacerdocio levítico ( pois o pobo recibiu a lei sobre esa base ), que necesidade había de que se levantara outro sacerdote segundo a orde de Melquisedec, e non nomeado segundo a orde de Aarón? 12 Porque cando muda o sacerdocio, necesariamente ocorre tamén un cambio da lei. 13 Pois aquel de quen se din estas cousas, pertence a outra tribo, da que ninguén serviu no altar. 14 Porque é evidente que o noso Señor descendeu de Xudá, unha tribo da que Moisés non dixo nada tocante aos sacerdotes. 15 E isto é aínda máis evidente, se se levanta outro sacerdote a semellanza de Melquisedec, 16 que chegou a selo, non sobre a base dunha lei de requisitos físicos, senón segundo o poder dunha vida indestrutible. 17 Pois dáse testemuño del: "ti es sacerdote para sempre segundo a orde de Melquisedec". 18 Porque certamente, queda anulado o mandamento anterior pola súa fraxilidade e ineficacia 19 ( pois a lei non perfeccionou nada ), pero foi unha introdución dunha mellor esperanza, pola que nos achegamos a Deus. 20 E por canto non foi sen xuramento, pois en verdade eles foron feitos sacerdotes sen xuramento, 21 pero El por un xuramento de quen lle dixo: "o Señor xurou e non se ha lamentar, ti es sacerdote para sempre". 22 Por iso, Xesús veu ser fiador dun pacto mellor. 23 Os sacerdotes anteriores foron moitos, pois a morte impedíalles continuar, 24 pero El como permanece para sempre, ten un sacerdocio perpetuo. 25 Polo que tamén ten poder para salvar para sempre aos que se achegan a Deus por medio del, vivindo sempre para interceder por eles. 26 Porque convíñanos ter tal sumo sacerdote: santo, inocente, incontaminado, separado dos pecadores e exaltado nas alturas máis aló dos ceos, 27 que non precisa, como aqueloutros sumos sacerdotes, ofrecer sacrificios a cotío, primeiro polos propios pecados e logo polos pecados do pobo, poque isto fíxoo unha vez para sempre, cando se ofreceu a si mesmo. 28 Porque a lei constitúe como sumos sacerdotes a persoas febles, pero a palabra do xuramento, que é despois da lei, constitúe ao Fillo, que é feito perfecto para sempre.
Capítulo 8

1 Agora ben, este é o punto principal de todo o que dixemos: temos tal Sumo Sacerdote, que se sentou á dereita do trono da Maxestade nos ceos, 2 como servidor do santuario e do tabernáculo verdadeiro, que alzou o señor, non o home. 3 Porque todo sumo sacerdote está constituído para presentar ofrendas e sacrificios, polo que é preciso que este tamén teña algo que ofrecer. 4 Así que, se El estivera na terra, nen sequera había ser sacerdote, habendo sacerdotes que presentan ofrendas segundo a lei; 5 eles sirven o que é copia e sombra das cousas celestiais, tal como lle foi revelado a Moisés por Deus cando estaba a piques de alzar o tabernáculo; pois, El di: "mira, fai tódalas cousas conforme o modelo que che foi amosado no monte." 6 Pero agora, El acadou un ministerio aínda superior, sendo que tamén é mediador dun mellor pacto, baseado sobre mellores promesas. 7 Pois se aquel primeiro pacto non tivera fallas, non habería lugar para un segundo. 8 Porque reprochándolles, di El: "mirade que veñen días, di o Señor, en que establecerei un novo pacto coa casa de Israel e coa casa de Xudá; 9 non coma o pacto que fixen cos seus ancestros o día que os tomei da man para sacalos da terra de Exipto; porque non permaneceron fieis no meu pacto, e Eu desentendinme deles", di o Señor. 10 Por iso este é o pacto que Eu farei coa casa de Israel despois daqueles días, di o Señor: "porei as miñas leis na súa mente, e escribireinas nos seus corazóns. Eu serei o seu Deus, e eles serán o meu pobo." 11 E ningún deles ensinará ao seu cocidadán, ou a seu irmán, dicindo: "coñece ao Señor. Porque todos me coñecerán, dende o menor ata o maior deles. 12 Pois terei misericordia das súas inxustizas, e endexamais lembrarei os seus pecados". 13 E cando El dixo: "un novo pacto, fixo caduco o primeiro; e o que queda caduco e avellece, está preto a desaparecer".
Capítulo 9

1 Agora ben, mesmo pola súa parte o primeiro pacto tiña regras de culto e un santuario terreal. 2 Porque fora preparado un tabernáculo na parte anterior onde estaban o candelabro, a mesa e os pans da proposición; este é o lugar santo. 3 E tras o segundo veo estaba a parte do tabernáculo chamado o lugar santísimo, 4 que tiña o altar de ouro do incenso e a arca do pacto cuberta toda de ouro, na que había unha urna de ouro que contiña o maná e a vara de Aarón que reverdeceu e as táboas do pacto; 5 e sobre ela estaban os querubíns de gloria que daban sombra ao propiciatorio; pero non se pode falar agora destas cousas en detalle. 6 Dispostas estas cousas deste xeito, certamente entraban no primeiro tabernáculo os sacerdotes de seguido para dar culto a Deus. 7 Pero no segundo só entraba o sumo sacerdote unha vez no ano, non sen levar sangue, que ofrecía por si mesmo e polos erros que por ignorancia eran cometidos polo pobo; 8 dando a entender isto o Espírito Santo: que mentres o primeiro tabernáculo permanecera en pé, o camiño ao lugar santísimo non sería descuberto; 9 cousa que asemella para este tempo, segundo o que se presentan ofrendas e sacrificios que non poden facer perfecto na súa conciencia o que está a facer ese servizo, 10 posto que só teñen que ver con comidas e bebidas, e diferentes lavamentos e ordenanzas para o corpo, impostas ata o tempo sinalado da reforma. 11 Pero cando Cristo aparaceu como sumo sacerdote das boas cousas vindeiras, a través dun tabernáculo meirande e perfecto, non feito por mans, é dicir, non desta creación, 12 e non por medio do sangue de chibos e becerros, senón por medio do seu propio sangue, entrou ao lugar santísimo unha vez para sempre tendo asegurada a redención eterna. 13 Porque se o sangue dos chibos e dos touros, e a cinza da becerra esparexida sobre os que se contaminaron, santifican para a purificación da carne, 14 canto máis o sangue de Cristo, quen polo Espírito eterno se ofreceu a si mesmo sen mancha a Deus, limpará a vosa conciencia de obras mortas para servir ao Deus vivo? 15 Polo tanto é mediador dun novo pacto, para que tendo morto unha vez para a redención das transgresións durante o primeiro pacto, os que foron chamados, reciban a promesa da herdanza eterna. 16 Porque onde hai testamento, é preciso que aconteza a morte do testador. 17 Pois un testamento é válido en caso de morte, xa que non entra en vigor mentres vive o testador. 18 De onde, nen sequera o primeiro entrou en vigor sen sangue; 19 porque unha vez proclamados por Moisés tódolos mandamentos da lei a todo o pobo, collendo o sangue dos becerros e dos chibos, con auga, lá escarlata e hisopo, asperxeu tanto o rollo como a todo o pobo, 20 dicindo: "este é o sangue do pacto que Deus vos mandou". 21 E do mesmo xeito asperxeu con sangue todo o tabernáculo e tódolos utensilios do servizo. 22 E segundo a lei, case todo é purificado con sangue, e non hai perdón sen derramamento de sangue. 23 Daquela, foi necesario que a representación destas cousas celestiais fosen purificadas deste xeito, pero as cousas celestiais mesmas, con sacrificios mellores ca estes. 24 Porque non entrou Cristo nun santuario feito por mans, representación do verdadeiro, senón no mesmo ceo, para presentarse agora na presenza de Deus por nós. 25 E non para ofrecerse repetidamente a si mesmo, como entra o sumo sacerdote no lugar santísimo unha vez no ano con sangue alleo; 26 doutra maneira, teríalle sido preciso padecer unha e outra vez dende a fundación do mundo, pero agora foi manifestado unha vez por todas na consumación dos tempos, para quitar o pecado por medio do sacrificio de si mesmo. 27 E así como está establecido para as persoas que morran unha soa vez, e despois disto o xuízo, 28 así tamén o Mesías foi ofrecido unha vez e para sempre para levar sobre El os pecados de moitos, e ha aparecer por segunda vez, sen ter nada que ver co pecado, para salvación dos que o agardan.
Capítulo 10

1 Porque sendo a lei soamente unha sombra dos bens futuros e non a imaxe deles, nunca pode perfecionar aos que se achegan, por medio dos mesmos sacrificios que se ofrecen continuamente cada ano. 2 Doutro xeito, non deixarían de ser ofrecidos, posto que os que adoran, unha vez purificados, non terían xa máis conciencia de pecado? 3 Pero neles, faise memoria dos pecados cada ano. 4 Porque é imposible que o sangue de touros e chibos quite os pecados. 5 Polo que, entrando El no mundo, di: "non quixeches sacrificio nen ofrenda, pero preparáchesme un corpo ; 6 non te agradaches nos holocaustos polo pecado". 7 Daquela dixen: "velaí, Eu veño para facer, oh Deus, a túa vontade.( no pergamiño do libro foi escrito sobre min"). 8 Dicindo máis arriba: non quixeches sacrificios e ofrendas e holocaustos polo pecado, e non te agradaches neles, sendo ofrecidos segundo a lei, 9 entón dixo: "velaquí Eu veño para facer a túa vontade. Quita o primeiro para que se estableza o segundo". 10 Por esta vontade é que somos santificados mediante a ofrenda do corpo de Xesús Cristo unha vez e para sempre. 11 E, todo sacerdote mantense en pé día tras día servindo e ofrecendo moitas veces os mesmos sacrificios, que nunca poden quitar os pecados; 12 pero Este, tendo ofrecido un só sacrificio polos pecados para sempre, sentouse á dereita de Deus, 13 agardando o que queda ata que os seus inimigos sexan postos coma un estrado para os seus pés. 14 Porque por unha soa ofrenda El perfecionou para sempre aos que son santificados. 15 E tamén o Espírito Santo danos testemuño; porque despois de ter dito: 16 "este é o pacto que farei con eles despois daqueles días, di o Señor, porei as miñas leis no seus corazóns, e escribireinas nas súas mentes, 17 e non me lembrarei endexamais dos seus pecados e transgresións". 18 Pero onde hai perdón destas cousas, xa non hai ofrenda polo pecado. 19 Daquela, irmáns, tendo a confianza de que polo sangue de Xesús temos entrada ao lugar santísimo, 20 sangue que nos abriu un camiño novo e vivo, por medio do veo, isto é, pola súa carne, 21 e xa que temos un gran Sacedorte sobre a casa de Deus, 22 acheguémonos con corazóns sinceros, con plena certeza de fe, tendo os corazóns purificados libres de toda mala conciencia e lavados os corpos con auga limpa, 23 manteñamos firme a profesión da nosa esperanza, sen dubidar, porque fiel é o que prometeu; e 24 considerémonos uns aos outros para estímulo do amor e das boas obras , 25 non abandonando a nosa propia asamblea, como algúns acostuman facer, senón exhortándonos, e máis aínda cando vemos que o día se achega. 26 Porque se seguimos a pecar voluntariamente logo de recibir o coñecemento da verdade, xa non queda sacrificio algún polos pecados, 27 senón unha terrible expectación de xuízo, e o ardor dun lume que ha consumir aos adversarios. 28 O que rexeita a lei de Moisés, morre sen misericordia polo testemuño de dúas ou tres testemuñas. 29 Canto maior castigo pensades que ha merecer quen pisoteou ao Fillo de Deus, e tivo por inmundo o sangue do pacto polo que foi santificado, e aldraxou o Espírito da graza? 30 Pois coñecemos ao que dixo: "a vinganza é miña, Eu pagarei". E outra vez: "o Señor ha xulgar o seu pobo". 31 Cousa tremenda é caer nas mans do Deus vivo! 32 Pero lembrade os días pasados, cando despois de ter sido iluminados, soportastes unha gran loita de padecementos; 33 dunha banda, sendo expostos á vergoña pública con aldraxes e aflicións, e doutra banda, sendo compañeiros dos que eran tratados así. 34 Porque compartistes os padecementos dos prisioneiros e aceptastes con alegría o serdes despoxados dos vosos bens, sabendo que tendes para vós mesmos unha mellor e máis perdurable herdanza. 35 Polo tanto, non perdades a vosa confianza, que ten grande recompensa. 36 Porque precisades de paciencia, para que cando teñades cumprida a vontade de Deus, acadedes a promesa. 37 Porque de aquí a un intre, tan só un intre, o que ha de vir, virá, e non ha tardar. 38 Pero o meu xusto terá vida pola fe; e se retrocede a miña alma non se ha agradar nel. 39 Pero nós non somos dos que recuamos para perdición, senón dos que gardan a fe para a preservación da alma.
Capítulo 11

1 E a fe é a certeza do que se espera, a convición do que non se ve. 2 É por ela que foron aprobados os nosos ancestros. 3 Por fe é que entendemos que o universo foi constituido pola palabra de Deus, de xeito que o que se ve foi feito do que non se vía. 4 Pola fe Abel ofreceu a Deus un mellor sacrificio ca Caín, polo que acadou a aprobación de xusto, dando Deus testemuño das súas ofrendas, e mesmo morto aínda fala por medio dela. 5 Pola fe Henoc foi levado ao ceo para non ver morte; e non foi atopado porque Deus o trasladou; porque antes de ser levado recibiu testemuño de ter agradado a Deus. 6 E é imposible agradar a Deus sen fe; porque cómpre que o que se achega a Deus crea que El existe e que recompensa aos que o buscan. 7 Pola fe Noé, sendo advertido por Deus sobre as cousas que aínda non se vían, con temor preparou unha arca para a salvación da súa casa, e mediante esa fe condenou ao mundo, chegando ser herdeiro da xustiza que é segundo a fe. 8 Pola fe Abraham, ao ser chamado, obedeceu, saíndo para un lugar que había recibir como herdanza; e saíu sen saber cara onde ía. 9 Foi pola fe que viviu como estranxeiro na terra da promesa como en terra allea, vivindo en tendas como Isaac e Xacob, coherdeiros da mesma promesa, 10 porque agardaba a cidade que ten alicerces, da que o seu arquitecto e construtor é Deus. 11 Tamén a mesma Sara, sendo estéril, recibiu a forza para concebir, xa fóra do tempo natural, pois tivo por fiel a quen o prometera. 12 Polo que tamén naceu dun (e este xa case morto) unha descendencia como as estrelas do ceo en número e innumerable coma a area que está á beira do mar. 13 Todos eles morreron en fe, sen teren recibido as promesas, pero téndoas visto e aceptado con gusto dende lonxe, confensando que eran peregrinos e estranxeiros sobre a terra. 14 Porque os que din tales cousas, claramente dan a entender que andan na procura dunha patria. 15 E se en verdade estiveran a pensar naquela patria de onde saíron, estaban a tempo de se voltar. 16 Pero en realidade desexaban unha patria mellor, é dicir, celestial. Por iso, Deus non se avergoña de ser chamado Deus deles, pois tenlles preparada unha cidade. 17 Pola fe Abraham cando foi probado, ofreceu a Isaac; e o que recibira as promesas ofrecía ao seu unixénito; 18 respecto do que se dixo: "en Isaac serache chamada descendencia". 19 El considerou que Deus era poderoso para levantar aínda de entre os mortos, de onde tamén, en sentido figurado, o volveu recibir. 20 Pola fe Isaac bendixo a Xacob e a Esaú; aínda respecto a cousas futuras. 21 Pola fe Xacob, estando a morrer, bendixo a cada un dos fillos de Xosé, e adorou, apoiándose no extremo do seu bastón. 22 Pola fe Xosé, ás portas da morte, mencionou o éxodo dos fillos de Israel, e deu instrucións sobre os seus ósos. 23 Pola fe Moisés, foi escondido polos seus pais ao nacer durante tres meses, porque viron que era un meniño fermoso e non tiveron medo do edicto do rei. 24 Pola fe Moisés, xa grande, rexeitou ser chamado fillo da filla do faraón, 25 escollendo máis ben ser maltratado co pobo de Deus, antes que gozar dos praceres temporais do pecado, 26 tendo por maiores riquezas as aldraxes do Mesías que os tesouros de Exipto; porque tiña posta a mirada na recompensa. 27 Pola fe saíu de Exipto sen lle ter medo á ira do rei, porque permaneceu firme como vendo ao Invisible. 28 Pola fe celebrou a Pascua e o asperxemento do sangue, para que o exterminador dos primoxénitos non os tocara. 29 Pola fe atravesaron o mar Roxo como por terra seca, e cando procuraron pasar os exipcios, afogaron. 30 Pola fe caeron os muros de Xericó, despois de seren rodeados por sete días. 31 Pola fe Rahab a prostituta non morreu cos desobedentes, por ter recibido aos espías en paz. 32 E que más hei dicir? Pois non me chegaría o tempo para contar de Xedeón, Barac, Sansón, Xefté, David, Samuel e os profetas; 33 os que pola fe conquistaron reinos, fixeron xustiza, acadaron promesas, pecharon bocas de leóns, 34 apagaron a violencia do lume, fuxiron do fío da espada; sendo febles, foron feitos fortes, fixéronse poderosos na guerra, puxeron en fuga a exércitos estranxeiros. 35 As mulleres recibiron os seus mortos mediante a resurrección; outros foron torturados, non aceptando a súa liberación, para obter unha mellor resurrección. 36 Outros experimentaron inxurias e azoutes, e mesmo cadeas e prisións. 37 Foron acantazados, serrados, tentados, mortos a espada; andiveron de aquí para alá cubertos con peles de ovellas e de cabras; pasando fame, aflixidos, maltratados; 38 o mundo non era digno deles!, errantes por desertos e montes, por covas e cavernas da terra. 39 E todos eles, sendo aprobados pola súa fe, non recibiron a promesa, 40 porque Deus tiña preparado algo mellor para nosoutros, para que eles non foran feitos perfectos sen nós.
Capítulo 12

1 Xa que logo, tendo arredor noso unha tal nube de testemuñas, desprendámonos de todo peso, e do pecado que nos asedia, e corramos con aguante a carreira que temos por diante. 2 Co ollo posto en Xesús, o Autor da fe naquel que a leva á perfeción, quen pola ledicia posta diante del, soportou a cruz e desprezando as aldraxes, sentou á dereita do trono de Deus. 3 Meditade, pois en Aquel que soportou tal contradición de pecadores enriba de si, para que o voso ánimo non se canse nen esmoreza. 4 Pois aínda non resististes ata derramar sangue na vosa loita contra o pecado; 5 e esquecestes a recomendación que vos din como se lles fala aos fillos: "meu fillo, non despreces a disciplina do Señor, nen esmorezas cando El te rife, 6 porque o Señor a quen ama disciplínao, e castiga a todo aquel que recoñece por fillo". 7 Aguantade baixo a disciplina xa que Deus vos trata coma fillos; porque, que é o fillo a quen seu pai non disciplina? 8 Pero se quedades sen disciplina, aquela da que todos tomamos parte, entón é que sodes bastardos e non fillos. 9 Aínda máis, nós tivemos os nosos pais que nos disciplinaban e nos respetabámolos. Non nos habemos de someter con moita mais razón ao Pai dos espíritos para termos vida? 10 Porque eles, na verdade disciplináronos por poucos días segundo o seu criterio, pero Deus faino como cómpre, para que participemos da súa santidade. 11 É verdade que ningunha disciplina, no momento, parece ser causa de ledicia, senón de tristura; pero co tempo, dá un froito xusto e cheo de paz a tódolos que foron exercitados por medio dela. 12 Polo tanto, enfortecede as mans febles e os vosos xeonllos paralizados, 13 e facede vieiros dereitos para os vosos pés, para que o coxo no escorde, senón que sexa curado. 14 Procurade a paz con todos, e maila santidade, porque sen ela ninguén verá ao Señor; 15 tende moito coidado de que ningún sexa privado da graza de Deus, non sexa que xurdindo algunha raíz de amargura, vos chegue a perturbar e por ela moitos sexan contaxiados; 16 que non se atope ningún fornicario ou profano como Esaú, que por un xantar vendeu a súa primoxenitura. 17 Porque sabedes que aínda que despois por máis que quixo herdar a bendición, foi rexeitado (porque non atopou xeito de arrepentirse) aínda que a procurou con bágoas. 18 Porque non estades diante dun monte que se poida apalpar e que ardía con lume, e a escuridade, e as tebras, e a tormenta, 19 e o son da trompeta e a voz que falaba, que cando aqueles a escoitaron, pediron que non lles falara máis, 20 porque non soportaban o que se lles estaba a mandar: "aínda se unha besta toca o monte, será acantazada". 21 E tan terrible era o que vían, que Moisés dixo: "estou aterrado e tremendo". 22 Pola contra, vós achegástesvos ao monte Sión, e á cidade do Deus vivo: á Xesusalén celeste, e aos millleiros de anxos, 23 á igrexa dos primoxénitos inscritos nos ceos, a Deus, Xuíz de todos, e aos espíritos dos xustos feitos perfectos, 24 e a Xesús, mediador do novo pacto, e ó sangue rociado que fala mellor ca o de Abel. 25 Ollade que non rexeitedes ao que vos está falando, porque se non fuxiron aqueles que desprezaron aos que os instruían na terra, moito menos nós, se volvemos as costas ao que nos fala dende os ceos; 26 a súa voz fixo tremer a terra nese tempo, pero agora prométenos: "unha vez máis, Eu farei tremer non só a terra, senón tamén o ceo". 27 Ese "unha vez máis" indica a renovación de tódalas cousas provisionais porque son creadas,, para que permanezan aquelas que son inconmovibles. 28 Por iso, xa que recibimos un reino inconmovible, manteñamos a graza, pois por ela servimos a Deus dun xeito aceptable, con reverencia e respecto, 29 porque o noso Deus é lume que consume.
Capítulo 13

1 Que o amor fraterno permaneza. 2 Non esquezades ser hospitaliarios, porque así algúns, sen se decataren, acolleron anxos. 3 Lembrádevos dos que están na cadea, coma presos xuntamente con eles, e dos maltratados, coma estando vós mesmos no corpo deles. 4 Que o matrimonio sexa cheo de honra e o leito matrimonial sen tacha, xa que Deus ha xulgar aos desvergonzados e adúlteros. 5 Que o voso xeito de vivir sexa sen avaricia de cartos, estade satisfeitos co que tendes, porque El dixo: "nunca te hei deixar, nen te abandonarei". 6 De xeito que podemos dicir cheos de bo ánimo: o Señor é o meu acubillo, non terei medo, haberá quen de facerme mal? 7 Lembrádevos dos que coidan de vós, que vos anunciaron a palabra de Deus; considerade cal foi o resultado da súa conduta e imitade a súa fe. 8 Xesús, o Mesías, é o mesmo, onte, hoxe e por sempre. 9 Non vos deixedes levar por doutrinas diferentes e alleas, pois mellor é que o corazón sexa fortalecido coa graza, e non co réxime de comidas do que non sacaron proveito ningún aqueles que o cumpriron. 10 Temos un altar do que non teñen dereito a comer os que serven no templo, 11 porque os corpos dos animais, dos que o sangue é levado polo sumo sacerdote ao lugar santísimo como ofrenda polo pecado, son queimados fóra do campamento. 12 Do mesmo xeito, tamén Xesús, para santificar o pobo polo seu sangue, padeceu fóra da porta. 13 Saiamos, entón, fóra do campamento para atoparnos con El, levando a súa aldraxe. 14 Porque non temos aquí unha cidade que permanece, senón que procuramos a que está por vir. 15 Ofrezamos decote, por medio del, un sacrificio de louvor a Deus, quere dicir, froito dos beizos que declaran o seu nome. 16 E de facer o ben e da axuda uns aos outros, non debedes esquecervos, porque eses son os sacrificios que lle agradan a Deus. 17 Prestade atención a aqueles que vos coidan e sede dóciles, porque eles velan polas vosas almas como quen ha de dar contas; para que o fagan con ledicia e non queixándose; porque isto non sería de proveito para vosoutros. 18 Orade por nós, pois estamos confiados de que temos unha conciencia boa, desexando vivir honradamente en tódalas cousas. 19 E aínda máis rógovos que fagades isto, para que volva a estar convosco canto antes. 20 E o Deus de paz, quen, por mor do sangue do pacto eterno, levantou de entre os mortos ao noso Señor Xesús, ao gran Pastor das ovellas, 21 vos perfecione en todo o bo para que fagades a súa vontade, así fará en nós o que é agradable diante del por medio de Xesús o Mesías, a quen sexa a gloria por sempre, amén. 22 Pídovos irmáns que soportedes esta palabra de conforto que vos escribín brevemente. 23 Sabede que o noso irmán Timoteo foi liberado, se vén axiña, ireivos visitar canda el. 24 Saudade a tódolos vosos dirixentes e a tódolos santos. Os da Italia mándavos saúdos. 25 Que a graza sexa con todos vós.