galego: Regular Print

Updated ? hours ago # views See on WACS
Filipenses
Filipenses
Capítulo 1

1 Paulo e Timoteo, servos de Cristo Xesús: a todos os santos en Cristo Xesús que están en Filipos, incluídos os bispos e diáconos: 2 Graza a vós e paz de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo. 3 Doulle grazas a meu Deus sempre que me lembro de vós. 4 Sempre oro con ledicia por todos vós, en tódalas miñas oracións, 5 pola vosa colaboración no evanxeo dende o primeiro día ata agora, 6 estando convencido disto mesmo: que quen comezou en vós a boa obra, seguirá a completala ata o día de Cristo Xesús. 7 É xusto que sinta isto por todos vós, porque vos levo no meu corazón, pois tanto nas miñas prisións como na defensa e confirmación do evanxeo, todos vós participades comigo da graza. 8 Porque Deus é testemuña de meu de canto vos boto en falta co entrañable amor de Cristo Xesús. 9 E pido isto en oración, para que o voso amor abunde máis e máis no pleno coñecemento e en todo discernimento, 10 para que sexades quen de escoller o mellor, para serdes puros e irreprensibles para o día de Cristo; 11 cheos do froito da xustiza que é por medio de Xesús Cristo, para a gloria e loanza de Deus. 12 E quero que saibades, irmáns, que as circunstancias nas que me atopei redundaron nun maior progreso do evanxeo, 13 de tal xeito que por mor de Cristo as miñas prisións son ben coñecidas no pretorio e por tódolos demais; 14 e que a maioría dos irmáns, confiando no Señor por mor do meu encarceramento, teñen moito máis valor para falar a palabra de Deus sen medo. 15 De certo algúns, predican a Cristo por envexa e rivalidade, pero outros fano de boa fe; 16 estes fano por amor, sabendo que fun designado para defender o evanxeo; 17 aqueles proclaman a Cristo por ambición persoal, sen sinceridade, pensando en causarme angustia no meu cárcere. 18 Daquela, que? Que de tódolos xeitos, sexa finxidamente ou en verdade, Cristo é proclamado; e nisto, alégrome e seguirei alegrándome. 19 Porque sei que, mediante as vosas oracións e a axuda do Espírito de Xesús Cristo, todo isto vai resultar na miña liberación. 20 Conforme á miña profunda expectativa e a esperanza de que non hei ser avergoñado en nada, masi ben con toda confianza, tamén agora como sempre Cristo vai ser exaltado no meu corpo, sexa pola vida ou pola morte. 21 Porque para min, o vivir é Cristo e o morrer é ganancia. 22 Pero, se o seguir vivindo neste corpo significa para min un traballo frutífero, entón non sei o que escoller; 23 as dúas cousas tiran por min. Teño desexo de partir e estar con Cristo, porque iso é moito mellor; 24 pero polo voso ben é preferible que eu permaneza aquí convosco. 25 E convencido diso, sei que hei quedar e seguir con todos vós para o voso progreso e ledicia na fe, 26 para que a vosa satisfacción en Cristo Xesús abunde pola miña causa cando volva a estar convosco. 27 Soamente, comportádevos dun xeito digno do evanxeo de Cristo, para que, ben sexa que vos vaia ver, ou que non estea entre vós, poida oír que vos mantedes firmes nun mesmo espírito, loitando xuntos pola fe do evanxeo; 28 de ningún xeito acovardados polos vosos adversarios, o que é sinal de perdición evidente para eles, pero de salvación para vós, e isto, de parte de Deus. 29 Porque, por mor de Cristo, vos foi concedido, non só que creades nel, senón padecerdes tamén por El, 30 tendo en vós a mesmo loita que vistes en min, e agora oídes que está en min.
Capítulo 2

1 Polo tanto, se hai algún alento en Cristo, se hai algún consolo de amor, se hai algunha participación do Espírito, se hai agarimo e misericordia, 2 completade a miña ledicia, sendo do mesmo sentir, tendo un mesmo amor, unánimes, tendo os mesmos sentimentos, 3 nada fagades por porfía nen por fachenda, senón con humildade, que cada un de vós teña ao outro como superior, 4 non procurando cadanseu interés, senón máis ben os interese dos demais. 5 Tede entre vós a mesma acitutite que houbo en Cristo Xesús, 6 que mesmo existindo en forma de Deus, non considerou ser igual a Deus como algo o que agarrarse, 7 senón que despoxouse a si mesmo, tomando forma de escravo, facéndose semellante aos homes, 8 e atopándose na condición de ser humano, humillouse a si mesmo facéndose obediente ata a morte, e morte na cruz! 9 Por iso, Deus tamén exaltouno sobre todo e deulle o nome que está por riba de tódolos nomes, 10 para que no nome de Xesús se dobre todo xeonllo dos que están nos ceos e na terra, e embaixo da terra, 11 e toda lingua confese que Xesús Cristo é o Señor, para gloria de Deus Pai. 12 Polo tanto, meus amados, así como sempre obedecestes, non só diante miña, senón moito máis agora na miña ausencia, traballade na vosa propia salvación con tremor e temor, 13 porque Deus é quen obra en vós tanto o querer como o facer pola súa boa vontade. 14 Facede tódalas cousas sen murmuracións nen discusións, 15 para que sexades irreprensibles e sinxelos, fillos de Deus sen tacha no medio dunha xeración perversa e atrevesada, no medio da que brillades coma fachos no mundo, 16 aferrados á palabra de vida, para que eu teña razón para gloriarme no día de Cristo, xa que non corrín en balde nen de balde me cansei. 17 Pero mesmo que eu son derramado coma libación sobre o sacrificio e servizo da vosa fe, gózome e comparto a miña ledicia con todos vós. 18 E tamén vos pido que vos alegredes do mesmo xeito e compartades a vosa ledicia comigo. 19 Espero no Señor Xesús enviarvos pronto a Timoteo para que eu tamén sexa alentado ao saber da vosa condición. 20 Pois non teño a ninguén do meu mesmo sentir e que estea sinceramente interesado nas vosas cousas . 21 Porque todos buscan a súa comenencia, e non as cousas que son de Cristo Xesús. 22 Pero vós xa sabedes do seu comportamento, como serviu comigo para espallar o evanxeo como un fillo serve ao pai. 23 Daquela agardo mandárvolo axiña en canto vexa como me van as cousas; 24 e confío no Señor que tamén eu mesmo irei pronto a vós. 25 Pero crin que compría mandarvos a Epafrodito, meu irmán, colaborador e camarada de milicia, quen tamén é voso menxaseiro e servidor para atender as miñas necesidades; 26 porque el tiña morriña de todos vós e andaba amolado porque chegastes a saber da súa doenza. 27 Pois de feito estivo enfermo e a piques de morrer; pero Deus tivo compaixón del e non só del, senón tamén de min, para que non estivese aínda máis triste. 28 Por iso volo mando máis axiña, para que véndoo, volvades alegrarvos e eu estea máis acougado en canto a vós. 29 Recibídeo, pois, no Señor con toda ledicia, e tende en alta estima os que son coma el, 30 porque pola obra de Cristo estivo a piques de morrer, arriscando a súa vida para completar o que faltaba no voso servizo por min.
Capítulo 3

1 Polo demais, meus irmáns, estade alegres no Señor. A min non me molesta volvervos escribir o mesmo, e para vós é cuestión de seguridade. 2 Coidádevos dos cans, coidádevos dos malos obreiros, coidádevos da falsa circuncisión; 3 Porque a verdadeira circuncisión somos nós, os que adoramos polo Espírito de Deus dando gloria a Cristo Xesús, e non confiando nas propias forzas, 4 aínda que eu ben podería confiar nelas. Se alguén pensa que ten motivos para confiar nas propias forzas, eu moito máis: 5 circuncidado no día oitavo, da liñaxe de Israel, da tribo de Benxamín, hebreo de hebreos; en canto á lei, un fariseo; 6 en canto ao celo, perseguidor da igrexa; en canto á xustiza da lei, irreprensible. 7 Pero todo canto para mira era de proveito e ganacia, por amor a Cristo, considéroo coma unha perda. 8 E aínda máis, considero tódalas cousas como unha perda tendo en conta o insuperable valor de coñecer a Cristo Xesús, o meu Señor, por quen perdín todo iso, e considéroo como lixo para gañar a Cristo, 9 e atoparme nel, non coa miña propia xustiza que procede da lei, senón a que é a través da fe en Cristo, a xustiza que procede de Deus pola fe, 10 para coñecelo a El, o poder da súa resurrección e a participación nos seus sufrimentos, chegando a ser coma El na súa morte, 11 se dalgún xeito puidera chegar á resurrección de entre os mortos. 12 Non é que xa teña conseguido todo isto nen que xa me fixera perfecto, senón que sigo adiante agardando acadar aquilo para o que tamén fun aferrado por Cristo Xesús. 13 Irmáns, eu mesmo non considero que xa o teño acadado; pero fago unha cousa: esquecendo o que quedou atrás e estendéndome ao que está por diante, 14 prosigo cara a meta para conseguir o premio do máis alto chamado de Deus en Cristo Xesús. 15 Porén, todos os que somos maduros espiritualmente, teñamos esta mesma actitude; e se nalgún punto pensades doutro xeito, iso tamén vos será revelado por Deus; 16 pero naquilo que teñamos chegado, sigamos na mesma liña. 17 Irmáns, imitádeme a min, e observade aos que andan segundo o exemplo que tedes en nós. 18 Porque como vos dixen a miúdo, e agora vos repito ata chorando, moitos andan como inimigos da cruz de Cristo. 19 O seu fin é a destrución, o seu deus é o seu apetito e a súa gloria está na súa vergoña. Só pensan nas cousas terreais. 20 En troques, a nosa cidadanía está no ceo, de onde tamén agardamos ansiosamente ao Salvador, o Señor Xesús Cristo. 21 El ha transformar o noso corpo miserable para semellar o seu corpo glorioso, polo exercicio do poder con que somete a si mesmo tódalas cousas.
Filipenses 4

1 Así que, meus irmáns, amados e arelados, gozo e coroa miña, estade así firmes no Señor, meus amados. 2 Rogo a Evodia e a Síntique que sexan do mesmo sentir no Señor. 3 Tamén che pido a ti, fiel compañeiro, que as axudes xa que compartiron as miñas loitas por mor do evanxeo, xunta Clemente e os demais colaboradores meus, que teñen os seus nomes no libro da vida. 4 Alegrádevos no Señor sempre. Repítovolo: Alegrádevos! 5 Que todas as persoas saiban da vosa bondade. O Señor está preto. 6 Por nada esteades anguriados; senón mais ben, dade a coñecer as vosas peticións diante de Deus mediante oración e súplica con acción de grazas en todo. 7 E a paz de Deus, que supera todo entendimento, gardará os vosos corazóns e as vosas mentes en Cristo Xesús. 8 Polo demais, irmáns, todo o que é verdadeiro, todo o honesto, todo o xusto, todo o puro, todo o amable, todo o que sexa de bo nome, se hai algunha virtude ou algo que merece gabanza, nisto pensade. 9 Practicade o que aprendestes e recibistes e ouvistes e vistes en min, e o Deus de paz estará convosco. 10 Moito me alegei no Señor de que por fin reavivastes o voso interese por min, %que xa o tiñades mais vos faltaba a oportunidade de demostralo. 11 Non o digo porque teña necesidade, xa que aprendín a estar satisfeito co que teño. 12 Sei vivir na pobreza e sei vivir na prosperidade, en todo e por todo aprendín tanto a estar farto como a pasar fame, a ter dabondo como a padecer necesidade, en todo aprendín o segredo: 13 para todo teño forza naquel que me da o poder! 14 Con todo, fixestes ben en compartir comigo na miña aflición. 15 E vós mesmos, filipenses, tamén sabedes que ao comezo do evanxeo, despois que saín de Macedonia, ningunha igrexa compartiu comigo no tocante a dar e recibir, senón só vós; 16 porque tamén a Tesalónica enviastes máis dunha vez para as miñas necesidades. 17 Non é que ande atrás do que me dades, senón que procuro froito que abunde na vosa conta. 18 Deste xeito recibín todo e teño de todo con fartura; tendo recibido de Epafrodito o que me enviastes, estou fornecido: recendo agradable, sacrificio aceptable, que prace a Deus. 19 Meu Deus cubrirá tódalas vosas necesidades, conforme a súa riqueza en gloria en Cristo Xesús. 20 Gloria sexa o noso Deus e Pai por sempre. Amén. 21 Saudade a todos os santos en Cristo Xesús. Saúdanvos os irmáns que están comigo. 22 Todos os santos vos saudan, especialmente os da casa de César. 23 A graza do Señor Xesús Cristo sexa co voso espírito.